16 nov 2026

Maleta viaxeira Camiño de Santiago

🎒🥾 UNHA MALETA CHEA DE AVENTURAS… RUMBO A SANTIAGO! 🥾

Temos unha nova compañeira de viaxe! 🧳✨

Grazas ao programa Bibliotecas Escolares de Galicia, recibimos unha Maleta Viaxeira do Camiño de Santiago, que estará connosco durante todo un mes para achegar ao alumnado do terceiro ciclo de Primaria ao fascinante mundo do Camiño.

No seu interior agóchanse libros, xogos e moitos recursos para descubrir, investigar, aprender e, sobre todo, gozar desta gran aventura. 📖🎲

Esta maleta chega nun momento moi especial, xa que o noso PDI deste curso, «Pasiño a pasiño xunt@s facemos o camiño», ten como protagonista o Camiño de Santiago. Unha oportunidade marabillosa para seguir explorando a súa historia, cultura, patrimonio e valores, e para continuar avanzando no noso particular percorrido.

Porque cada libro é unha etapa, cada xogo unha nova descuberta e cada lectura… un pasiño máis no camiño! 💛



Rati trae novas!

🐭📚✨ RATICONTO TRAE NOVAS!

Estes días, Raticonto deixou unha carta moi especial en cada aula do CEIP Coirón-Dena para contarnos dúas cousas moi importantes… 💌

📚 A nosa biblioteca estará pechada temporalmente porque estamos traballando na revisión, recatalogación e organización dos libros. Queremos que moi pronto poidades volver gozar dela máis organizada e chea de novas aventuras lectoras! ❤️

🥾 Pero a aventura non para aquí! Raticonto tamén nos presentou o PDI deste curso: “Pasiño a pasiño, xunt@s facemos o camiño”, unha viaxe moi especial inspirada no Camiño de Santiago, na que a lectura, a arte, a investigación, a colaboración e os retos serán os nosos compañeiros de viaxe. 🌍✨

📍 Ao carón da porta da biblioteca atoparedes un corcho moi especial no que, cada mes, aparecerá un novo RETO DE PEREGRIN@S. Cada aula ou ciclo terá que traballar en equipo para superalo e conseguir un selo na súa credencial de peregrino. 🗺️🔖

Porque o importante non é chegar primeiro, senón camiñar xunt@s, aprender, axudarnos e gozar de cada paso. 💚

🎒 Preparade as mochilas e as ganas de descubrir, porque a nosa aventura acaba de comezar!

Pasiño a pasiño… xunt@s facemos o camiño! 🐭🥾📖