5 oct 2026

Mochilas viaxeiras

✨ Comezamos coa nosa Mochila Viaxeira! ✨

Hoxe iniciamos unha nova aventura chea de aprendizaxes, emocións e momentos compartidos. A mochila viaxeira viaxará cada semana a un fogar diferente, converténdose nun espazo de encontro entre escola e familia.

📚 Por que a usamos?
A súa finalidade é fomentar o gusto pola lectura, o achegamento aos idiomas, a creatividade e o diálogo familiar. É unha ferramenta que une, que abre portas e que crea recordos.

🎒 Que atoparedes dentro?
• Un libro en galego, para seguir fortalecendo a nosa lingua.
• Un libro en español e outro en inglés, para ampliar horizontes e descubrir novas historias.
• Un xogo para pasar un bo intre en familia.

💭 Espazo de reflexión
Ao final, atoparedes unha folla para que o alumnado e familias poidades escribir ou debuxar como foi a experiencia: que vos gustou máis, que descubríchedes, que vos fixo sorrir… Queremos escoitar as vosas voces!

Grazas por formar parte deste camiño compartido. A mochila xa está lista… Boas viaxes e boas lecturas! ✨📖



21 sept 2026

PDI: Pasiño a pasiño, xunt@s facemos o camiño

 🥾🌿 PASIÑO A PASIÑO, XUNT@S FACEMOS O CAMIÑO 🌿🥾

Este curso, no CEIP Coirón-Dena, emprendemos unha nova aventura! 🎒✨

O noso PDI deste ano chámase “Pasiño a pasiño, xunt@s facemos o camiño” e terá como protagonista o Camiño de Santiago, aproveitando a chegada do Ano Santo Xacobeo 2027. ⛪️🌟

Ao longo do curso descubriremos o Camiño desde diferentes perspectivas: a súa historia, cultura, arte, patrimonio, natureza, tradicións… e tamén reflexionaremos sobre a importancia de practicar un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente, co patrimonio e coas persoas. 🌱💚

📚 E desde a biblioteca… comeza o reto!

Periodicamente, a biblioteca lanzará un reto ou pregunta que quedará exposto no corcho da biblioteca. 🧩🔎
Cada ciclo terá que investigar, pensar, buscar información e traballar en equipo para atopar a resposta.

🎒 E como saberemos que o conseguimos?

Cada vez que un ciclo resolva correctamente un reto, conseguirá un novo selo na súa Credencial de Peregrino: unha caritiña de Raticonto, o noso compañeiro de viaxe! 🐭🥾✨

E así, reto a reto, pasiño a pasiño, iremos avanzando polo noso propio camiño. 🗺️👣

🎪 E para pechar esta gran aventura…

No mes de maio celebraremos a nosa FEIRA DO PEREGRINO, na que poderemos compartir e expoñer todo o que fomos creando, investigando e aprendendo ao longo do curso. 🎨📚🌿

Porque neste camiño non importa só chegar á meta… importa todo o que aprendemos e compartimos mentres camiñamos. ❤️

🥾 Pasiño a pasiño… xunt@s facemos o camiño!
🐭 Raticonto xa está preparado. E vós?





21 jun 2026

Voluntariado da biblioteca

📚🏅  Recoñecemento ao noso voluntariado da biblioteca 🏅📚

Durante este curso escolar, o alumnado de 6º participou como voluntariado da biblioteca, demostrando compromiso, responsabilidade e unha grande disposición para axudar.

Grazas á súa colaboración, a biblioteca converteuse nun espazo máis organizado, acolledor e dinámico para toda a comunidade educativa. O seu traballo diario, a súa implicación e as súas ganas de colaborar foron fundamentais para o bo funcionamento deste recuncho tan especial do centro.

Para agradecer todo o esforzo realizado, fixémoslles entrega dun diploma de recoñecemento pola súa axuda e dedicación ao longo do curso. Un pequeno detalle para valorar unha gran labor.

👏 Parabéns e moitas grazas por ser exemplo de compañeirismo, responsabilidade e amor polos libros e a lectura.

Levaredes convosco este diploma, pero tamén a satisfacción de ter contribuído a facer da nosa biblioteca un lugar mellor.

💙📖 Grazas por todo, voluntariado de 6º!



A orquesta de Camarote

🎻📚✨ A música e a lectura déronse a man no CEIP Coirón-Dena. 🎻📚✨

Dentro do programa “Lectura e Familias”, gozamos da fermosa interpretación do conto infantil musicado “A orquestra de Camarote”, da man de Damián Alonso @sondamianalonso coa música de Moisés Lorenzo.

Unha experiencia chea de emoción, imaxinación e melodías que conquistou a pequenos e maiores, demostrando unha vez máis o poder dos contos para unir ás familias arredor da lectura e da cultura.

Grazas aos artistas por compartir connosco esta viaxe musical tan especial e a todas as familias pola súa participación.

🎶📖 Porque ler tamén é escoitar, sentir e soñar.🎶📖


Para veres máis imaxes, pinchade na seguinte ligazón: https://www.instagram.com/p/DZrf19KjIw_/?utm_source=ig_web_copy_link&igsh=MzRlODBiNWFlZA==

4 jun 2026

Recomendacións lectoras Verán

Compartimos unha selección de recomendacións lectoras de verán e xogos educativos dirixidas a todo o alumnado do centro, organizadas por ciclos.

📌 Nas imaxes que acompañan esta publicación podedes consultar todas as propostas.

☀️ O verán é un momento ideal para ler sen présas, xogar en familia e seguir aprendendo dun xeito lúdico e divertido.

📖🎲 Animámosvos a botarlle unha ollada ás recomendacións e desfrutar dun bo verán cheo de historias e xogos.

📌 Bo verán e boas lecturas!










Obradoiro Dobraxe

🎙️📚 Dentro do programa “Lectura e Familias”, o pasado martes tivemos a oportunidade de gozar dun fantástico obradoiro de dobraxe dirixido por Damián Alonso, no que participaron os nenos e nenas e as súas familias do terceiro ciclo do noso centro.

Ao longo da actividade, descubrimos os segredos do mundo da dobraxe, puxemos voz a diferentes personaxes e vivimos unha experiencia divertida, creativa e moi enriquecedora. Unha forma diferente de achegarnos á lectura, á interpretación e á comunicación en familia.

Grazas a Damián Alonso @sondamianalonso pola súa profesionalidade e entusiasmo, e a todas as familias participantes por compartir connosco esta xornada tan especial. 🐭


Para veres máis imaxes, pinchade na seguinte ligazón:


13 may 2026

COIRÓN SHOW

O alumnado de 2º ciclo sorprendeunos cunha fantástica representación teatral dentro da exposición do noso PDI. Un traballo cheo de creatividade, esforzo, aprendizaxe e ilusión que permitiu amosar todo o traballado ao longo do proxecto. 👏🎬

Actuar, expresarse, traballar en equipo, perder a vergoña e aprender facendo… porque cando a aprendizaxe cobra vida, convértese nunha experiencia inesquecible. 💫

Parabéns ao noso alumnado polo gran traballo realizado! 
Aquí vos deixamos algunhas imaxes deste momento tan especial: